viernes, 14 de diciembre de 2012

"Ídevos, eu non marcho porque non podo"

Eu estaba traballando na cafetería que tiñamos na praza e dixeron que embarrancara un barco con carga perigosa, e que posiblemente tiñamos que marchar porque esa carga podía explosionar. Segundo pasaban as horas, a xente poñíase nerviosa e ían preguntar ao concello o que pasaba e o que decían os "entendidos". Uns dicían dun xeito, e outros doutro (que se era moi perigoso, que se non había de qué preocuparse...).
A xente asustada ía marchando como podía. Nós esperamos un pouco, pero as noticias eran alarmantes. Volvemos ao concello, tratando de buscar algún consello, ou algo máis de información, e un empregado dixo: "Ídevos. Eu non marcho porque non podo, senón marchaba" E ese día pola tarde marchamos no coche de liña. Fomos para uha pensión da Coruña e pasámo-la noite alí. Pola mañán almorzamos e saímos en busca dos demais que viñeran tamén. Estaban  na Casa do Mar  e alí estivemos ata que chegaron unhas persoas e dixeron que nos iamos a Gandarío (que era uha residencia de estudiantes preto de Sada) Alí estivemos uns días, moi ben atendidos, por certo. Pero eu estaba preocupada porque o meu fillo non viñera; quedara en Fisterra cuns cantos amigos e veciños máis vixiando o pobo. A min chegáronme noticias de que estaba ben e xa me tranquilicei. 
Pasados uns días, a xente ía marchando e nós tamén o fixemos. Gracias a Deus, non pasou nada. Pero nun canto tempo tiñamos recelo de comer o pescado e as verduras, por temor a que estivesen contaminadas.
Isto é a miña experiencia, a grandes rasgos, porque se teño que contar tódolos pormenores, todo o sufrimento e incertidume que vivín, non me chegaría o tempo nin o espacio para escribir...

GINA

No hay comentarios:

Publicar un comentario